Unha película sobre o proceso de creación da coreografía ‘o punto impropio A/S/V/’, de Javier Martín, estreada en marzo de 2023 no Teatro Miguel Covarrubias de Cidade de México e que introduce na escena diversas tecnoloxías para pensar o corpo e afinar a percepción cinestésica. O documental recolle apuntamentos visuais, corporais, poéticos e sonoros do traballo de investigación desenvolvido para o espectáculo e acompaña ao equipo nas súas buscas ao longo dun ano. 

https://vimeo.com/812907818

O espectáculo, que leva o mesmo título ‘o punto impropio A/S/V’, elabora movemento, son e imaxe en tempo real: unha sorte de rexistro e composición auditiva [A], somática [S] e visual [V] que, en exercicio resonante, activa e resignifica a coreografía. A obra propón a entrada a un laboratorio no que a percepción do corpo se distorsiona e afina á vez, suxerindo novas sensibilidades. Unha experiencia que cuestiona o eu percibido, a identidade construída en base a proxeccións comunmente asumidas, empregando distintas tecnoloxías na escena como modo para elaborar o animal que somos. Un desprazamento cara a outras posibles versións: canto de nós nos é alleo? que é o verdadeiramente propio e onde o atopamos? Instalación visual, ciencia expandida e performatividad. Concerto, coreografía e live cinema.

A creación de ‘O punto impropio’ iniciouse a partir da investigación de texturas e o rexistro de sons do corpo nunha cámara anecoica (no centro Attlantic da Universidade de Vigo). E continuou o seu percorrido co apoio de diversas residencias ao longo dun ano en Etopía Centro de Arte y Tecnología (Zaragoza), L’animal a l’esquena (Celrà, Girona), Guelra-Gnration (Braga, Portugal) e A Casa Vella (Amiadoso, Galicia). O espectáculo estreouse en marzo de 2023 na Sala Miguel Covarrubias de Danza UNAM (Cidade de Mexico). 

Créditos: 

  • o punto impropio | documental (41 minutos)
  • dirección: Javier Martín
  • montaxe e edición: Leo López
  • son: Adolfo García
  • acompañamento: Sabela Mendoza 
  • produción: De Corpos Presentes
  • co financiamento de: INAEM, Ministerio de Cultura y Deporte- a través de los fondos del Mecanismo de Recuperación y Resiliencia de la Unión Europea – #NextGenerationEU