De corpos presentes é unha plataforma de produción, investigación e difusión das artes performativas contemporáneas en Galicia; un campo cunha comunidade artística moi fértil e activa –tanto no plano creativo e de creación de coñecemento sobre o noso presente, como na súa capacidade mediadora e dinamizadora a nivel social–, pero cun contexto institucional aínda pouco propenso para acoller e aproveitar todas as súas potencias.

Partindo da diagnose desta situación, á que queremos identificar como oportunidade,  De corpos presentes procura activar conexións entre unha serie de artistas con procesos creativos en marcha no noso territorio, e unha serie de espazos museísticos, culturais e de coñecemento sensibles á creación contemporánea que, por súa vez, aglutinan a un conxunto de públicos. A forma destas conexións defínese a través dun traballo de curadoría e mediación, para xerar un programa axeitado en cada caso. Así mesmo, a plataforma procura establecer colaboracións e intercambios con outras xeografías.

De corpos presentes fai alusión aos corpos de hoxe e ao seu estar xuntos nos nosos tempos, habitados e por habitar. Fai alusión, por unha banda, á materia mesma das artes performativas: o corpo como material poético. A súa expresión en plural (corpos) atende á noción de comunidade e/ou de multitude, arredor da cal xiran moitas das creacións contemporáneas. Por outra banda, o título refire ao diálogo que estes corpos establecen co noso tempo, o presente, e as súas múltiples formas posibles: os nosos presentes. Un diálogo que os corpos xeran a través do seu propio estar (estar presentes) e da súa acción nun espazo e nun tempo compartidos. O diálogo e a intelixencia da súa performatividade.

Colaboran co proxecto