Este encontro ‘Abrir o círculo’ ten como artista convidada a Gena Baamonde, que compartirá as derivas de Metodoloxías carroñeras para corpos intervetidos, un proxecto artístico que supón a tradución –a linguaxe escénica– da súa investigación académica Sexualidades Des-Xeneradas, centrada no estudo da práctica escénica que cuestiona o binomio de xénero e o mandato da heteronormatividade, amosando sexualidades habitualmente relegadas deste ámbito. Para esta sesión, Gena vén disposta a compartir o que chama un striptease de xénero: ‘recollo varios vídeos de pequenas pezas, chámolle striptease pola súa condición de estranos/ de diversas prácticas, e así vou introducindo diversos referentes cos que estou a traballar e diversos temas’.
Gena Baamonde, mullerona > Creadora, directora, investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no eido da práctica escénica e a creación contemporánea. Interesada nas prácticas artísticas bastardas e nos cuestionamentos da tríada sexo-xénero-sexualidade que atravesan os corpos. Formada en artes escénicas, movemento e dramaturxia, así mesmo ten formación en igualdade, xénero e diversidade sexual. Está a desenvolver a súa tese de doutoramento, Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea. Entre os seus últimos proxectos escénicos, destaca a dramaturxia e dirección do espectáculo Elisa e Marcela para A Panadaría Teatro, traballo que recibiu, entre outros, o Premio María Casares á Mellor Dirección e Mellor Texto Orixinal, o Premio Luísa Villalta de Igualdade e o XIV Premio LGBT do colectivo ALAS. Dirixiu o espectáculo Neorretranca e Posmorriña para o Centro Dramático Galego, acaba de participar na co-dramaturxia e co-dirección no proxecto O raro é que bailar sexa raro, creación de Andrea Quintana e está a desenvolver o proxecto Metodoloxías Carroñeras para corpos invertidos co colectivo Vacaburra.
* Gena Baamonde presentará, nesta mesma data, a conferencia performativa Metodoloxías carroñeras para corpos intervetidos nun evento aberto a público xeral que se pode consultar aquí.
‘Abrir o círculo’ se propón como unha sorte de clube cultural, un grupo de estudo, un espazo para a celebración de encontros periódicos con artistas das artes perfomativas –ou que traballan o campo da performatividade–, que son convidadas a compartir un tempo dirixido ao intercambio de saberes con outras persoas interesadas ou dedicadas á creación (en calquera dos seus ámbitos) e/ou profesionais doutras disciplinas con intereses vencellados. Máis información do ciclo ‘Abrir o círculo’ aquí.
Dirixido a: persoas interesadas nos procesos artísticos contemporáneos: artistas e traballadoras culturais, estudantes de artes, profesionais doutras disciplinas con intereses vencellados, ou persoas interesadas ou curiosas nas dinámicas de creación.
Inscricións: a asistencia é gratuita. O número máximo de participantes é de 15 persoas, con inscrición previa a través deste FORMULARIO.
Espazo: Almacén, NORMAL
Data e horario: Luns 21 de decembro, de 10.00 a 13.00 h