‘58 INDICIOS SOBRE O CORPO’
Lectura dun texto de Nancy con Nieves Neira
*Foto: Pepe Saavedra
“O corpo pode voltarse falante, pensante, soñante, imaxinante. Todo o tempo sente algo. Sente que todo o que é corporal. Sente as peles e as pedras, os metais, as herbas, as augas e as chamas. Non para de sentir”. Este é un dos ‘indicios sobre o corpo’ de Jean-Luc Nancy, un texto que o filósofo francés introduce cun presuposto: se entendemos a res cogitans como oposta á res extensa, malentendemos a lección de Descartes. Indicios: se ‘in’ remite a un interior, tamén é o índice o dedo que sinala un ‘fóra’.
Da distancia precisa para poder dicir ‘corpo’ á proximidade da pel que non pertence a ningunha ‘unidade’, podemos adentrarnos neste texto como (tamén) nun lugar, poñendo en xogo sentidos normalmente inhibidos na experiencia da lectura.
A investigadora Nieves Neira convídanos a conversar dun xeito diferente sobre a poética dos corpos en movemento, a partir dunha lectura de Nancy coa que trataremos de dar corporalidade á propia poética dos textos.
*Esta actividade forma parte do CICLO DE CONVERSAS ARREDOR DAS ARTES PERFORMATIVAS que “De corpos presentes” organiza en colaboración con NORMAL. Espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña.
Nieves Neira
Xornalista, mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela, ámbito no que actualmente se encontra en fase de doutoramento. Tamén é posgraduada em Cultura Portuguesa Contemporánea pola Universidade Aberta de Lisboa, onde cursou así mesmo a formación modular certificada en Estética e Filosofía.
Formouse en artes do corpo e do movemento con artistas vencellados á danza buto, como Yukio Waguri, Yumiko Yoshioka, Yuko Kawamoto, Hisako Horikawa, Rhea Volij ou Andrés Corchero. Tamén realizou formacións con Aitana Cordero, Idoia Zabaleta ou Maite Larrañeta, entre outras.
É integrante da Associación 3monos para a promoción das artes escénicas, a través da que organiza o festival bianual de danza buto Kojoteki e o anual Cartografia en Movemento, que busca pensar os espazos da cidade a través das artes do movemento. Os traballos escénicos que realizou conversan coa escrita poética, como ‘Pindo’ (Festival s8 de Cinema Periférico), ‘Todas as cartas de amor son ridículas’ (recentemente realizado con estudantes de secundaria), ‘Trenza’ (unha leitura danzada de Francisco Cortegoso, Uxío Novoneyra e Maria Gabriela Llansol) ou Fulgor, unha lectura danzada de María Gabriela Llansol, no claustro da catedral de Lugo e da cal se está a editar un libro.
Ten colaborado en revistas e distintas publicacións (Fundación Bilbao Arte, Macuf, Luzes, Pre-textos (TRCdanza) ou Revista Galega de Teatro). Os seus textos poéticos viron a luz en colaboracións coa fotógrafa e cineasta Carla Andrade e a través de pequenas edicións que fai manualmente.