DE CORPOS PRESENTES arrancou públicamente en decembro de 2018 da man da investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza, co apoio da Deputación da Coruña a través das Subvencións a entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural.
O programa contou con 7 actividades públicas –entre mostras performativas, obradoiros, coloquios e accións de rúa–, que tiveron lugar en 5 espazos diferentes das cidades de Santiago e A Coruña, dende museos a fundacións e espazos universitarios. Neste programa foron convidadas a participar un total de 15 artistas e profesionais da cultura –13 de Galicia e 2 artistas de fóra con quen se abriu unha iniciativa de intercambio de programación–; contando tamén ca colaboración de 2 asociacións culturais. Ademais, traballouse na edición dunha publicación dixital. Participaron no programa arredor de 210 persoas, entre asistentes e inscritos ás actividades, de distintos perfís e idades.
Estas actividades completáronse con outras iniciativas relacionadas ca difusión, como o lanzamento da páxina web e redes sociais do proxecto, a apertura dunha canle de vídeo na que ter acceso ao rexistro das actividades, a publicación da memoria aberta, o envío de comunicados a prensa, e a impresión de cartelería e dun programa de man.