Sinopse
Nalgunhas casas comezaron a verse actos de sabotaxe desorganizados. Inicialmente, tratábase dunha lixeira melancolía que remataba nunha pota de comida queimada ou nunha camisa mal pasada a ferro, aínda que ás veces, incomprensiblemente, toda a vaixela acababa destruída en anacos no chan.
Somatización é unha palabra que anula toda unha serie de saberes e aprendizaxes dos nosos corpos. Establece, unha vez máis, a mente como un elemento autónomo que, en ocasións, produce alteracións fisiolóxicas ao exercer o seu poder sobre a carne. Gustamos de substituír “somatización” por “histeria”.
Histeria, como materia que ofrece alivio ao sufrimento emocional, como ruptura do corpo individual cara a protesta colectiva, como engano ante a disciplina e o implacable poder psiquiátrico.
Histeria, como xeito físico de enfrontarse ao mundo, que se le nos corpos alleos e se escribe no propio, nunha solidariedade non verbal.
HISTERIA! como berro inaugural das nosas leccións dos venres.
Leçons du Vendredi é unha das posibles conclusións, colaborativa e contaminada, do proxecto Huelga salvaje (http://asformigas.info/portfolio/huelga-salvaje/).
Bios
María Roja (Lugo, 1982)
A súa obra xira en torno ao corpo como contedor do íntimo á vez que arquitectura social e política, cun marcado interese nos seus procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia. É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. O seu traballo visual e performativo amosouse en diferentes exposicións e festivais organizados en galerías, museos, teatros e espazos alternativos de Galicia, España, Portugal, Grecia, Taiwan, Uruguai, Colombia, Chile, Brasil, Honduras, México, Ecuador, Santo Domingo, Arxentina, Cuba, Bosnia e Herzegovina, Irán, Países Baixos, Perú ou Canadá. É co-fundadora dos colectivos áIntemperie, Blanco&Roja, Ohn e Límites, proxectos situados no campo da arte de acción. No ámbito da interpretación, destaca o seu traballo en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en producións audiovisuais de corte experimental, sendo salientable o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria no ano 2017.
+
Vanesa Varela / asformigas (Lugo, 1979)
Traballa en procesos de investigación artística que se moven entre o individual e o colectivo, mediante a creación de talleres e espazos de encontro, co fin de analizar prácticas corporais e culturais. É Licenciada en Belas Artes, cun Máster en Producións Artísticas e Investigación da Universitat de Barcelona. Expuxo, entre outros, no Espai 13 da Fundació Joan Miró, no Arts Santa Mònica ou na Sala de Art Jove. Foi premiada en convocatorias como “Premis Barcelona 2020”, “Ingràvid”, “Sala d’Art Jove” ou “Na vangarda”. É co-fundadora dos colectivos Niu d’aranyes e Ediciones Modelo, e participou tamén activamente en outros, como Mitja Subversiva ou Enmedio, e en proxectos educativos (En residència als instituts, Macba en família). No 2020 traballou de asistente da artista Nalini Malani na súa exposición na Fundació Joan Miró.
+