O noso plan é bailar ata que todo se solucione
Acción colectiva
Data: Mércores, 05.12.2018, ás 20.30h
Lugar: acción de rúa (A Coruña)
Esta foi a primeira actividade de “De corpos presentes”, unha acción colectiva que consistiu nunha intervención polas rúas da Coruña, á que se sumaron un grupo de persoas da cidade, e que contou ca colaboración da asociación Sen Ánimo de Nome.
A acción consistiu na pegada de carteis pola cidade, co seguinte slogan: “O NOSO PLAN É BAILAR ATA QUE TODO SE SOLUCIONE”. Facendo unha ruta polas zonas/muros onde habitualmente se coloca publicidade no centro da cidade, cubrimos esas zonas de carteis cunha mensaxe diferente: un convite á acción artística dos corpos e á súa existencia fóra do consumo, unha mensaxe que pretende chamar a atención sobre a forza social que teñen os corpos en movemento, e sobre a resistencia que caracteriza ao sector das artes vivas. Con esta intervención queremos tamén facer un chamamento xeral a favor de máis e mellores políticas culturais para as artes vivas, na Coruña e en Galicia.
A pegada (literal) de carteis durou aproximadamente unha hora. A súa pegada (posterior) quedou inscrita na memoria da cidade, conservada a través do rexistro realizado.