#SPANISHWASHING. PERFORMATIVIDADES INSTITUCIONAIS.
Mesa de traballo e presentación con Begoña Cuquejo e Matías Daporta
- Mesa de traballo: de 16.00 a 19.00, Sala de reunións, NORMAL. Con inscrición previa enviando un correo a: cultura.coruna@udc.gal. A participación é gratuita.
- Presentación pública: de 19.00 a 20.00h, Auditorio, NORMAL. Entrada libre.
Begoña Cuquejo e Matías Daporta son artistas que viven entre distintas cidades europeas e traballan xuntos dende o 2010, asesorando cada un deles o traballo do outro. #spanishwashing é a súa primeira colaboración horizontal, ca que crean a AAHPICA (Asociación de Afectados por la Homogeneización del Patrimonio Inmaterial Cultural Actual), como instrumento a través do cal executan as actividades do proxecto: dende a realización de talleres artísticos ata a interposición de recursos ou instancias. #spanishwashing é un proxecto de investigación sobre a homoxeneización cultural que traballa por atopar unha vía de acción entre o artístico, o activismo e o social, para a defensa dos dereitos culturais que están a ser vulnerados no contexto actual. O seu traballo enfócase no aspecto inmaterial da cultura e da arte, unha cualidade non suficientemente recoñecida no ámbito xurídico nen no social. É este espazo sen definición clara o que toman como lugar de reflexión, crítica e acción. “Xogamos cas posibilidades que ten un cidadán de mover a maquinaria institucional para xerar cambios, e co potencial poético destes procesos burocráticos. Interésanos a idea de presentar a cultura como ‘víctima’ e a homoxeneización cultural como un asunto grave a tratar e tutelar, e polo tanto entender que a vía xudicial pode converterse no noso espazo de acción, tamén como artistas. ”
En colaboración con De corpos presentes, organizamos unha mesa de traballo teórico-práctica, para reflexionar sobre os procesos contemporáneos de homoxeneización cultural, a idea de patrimonio inmaterial actual e o espazo legal para defendelo, que tentaremos facer efectivo. A participación nesta mesa de traballo require inscrición previa. Ao finalizar, farase unha presentación pública dos resultados, aberta a toda persoa interesada.
SINOPSE-INVITACIÓN
Gustaríanos convidarvos ao evento de “Patrimonialización colectiva da Investigación en Artes Vivas”. O día 30 de abril a partir das 16h en Normal (Paseo Ronda 47, 15011 A Coruña) dentro do ciclo De Corpos Presentes.
Propoñemos redactar colectivamente a candidatura de patrimonialización da Investigación en Artes Vivas ao inventario do Patrimonio Inmaterial de Galiza e España. Será unha mesa de traballo de tres horas aproximadamente na que esperamos controverter os procesos de patrimonialización, así como discutir as súas potencialidades políticas.
Estamos a convidar a profesionais que pertenzan aos diferentes ámbitos laborais/culturais; entendendo que o proxecto se aproxima á cultura de maneira transversal, en especial cando nos referimos á cultura intanxible, inmaterial e invisíbel.
Este xesto entre político e poético forma parte dun proxeto de investigación maior chamado #spanishwashing, arredor da homoxeneización cultural contemporánea.
Se non puideses participar na mesa de traballo, invitámosche a achegarte ás 19:00 onde exporemos o texto ratificado polas asistentes, e poñeremos este en relación coas outras accións pasadas e futuras da nosa investigación.