A nova editorial De Corpos Presentes celebra o seu lanzamento e presenta os seus primeiros títulos con Ania González e Javier Martín
—-
Sabela Mendoza, responsable de De Corpos Presentes, falará do novo proxecto editorial e manterá unha conversa coas autoras dos primeiros títulos publicados baixo o selo: Ania González, quen asina ani(a)mal. una otra poética por venir e Javier Martín, que presenta materia resonante.
Estes dous libros reúnen por primeira vez os escritos poéticos de Ania e de Javier, acompañados de fermosas imaxes e deseño a cargo de María Peinado. Textos seleccionados a partir de anos de escritura destas voces que, desde lugares e poéticas diversas entre si, convocan e invitan ambas a unha experiencia do corpo radicalmente aberta, a unha crítica esperta, a unha ledicia do ser no tempo. Lerlles é entregarse á celebración da tarefa insistente de crear outros mundos.
Ania González (Vigo, 1977) Licenciada en Dereito, Máster en Avogacía e Especialista en Estudos Museísticos polo Programa de Estudos Independentes do MACBA. Compaxina a escritura poética co exercicio da avogacía no ámbito do Dereito da Cultura, coa crítica cultural escrita e a participación en colectivos e proxectos artísticos de acción en pos dunha contribución activa á redacción continua dun mellor contrato social.
Javier Martín baila. Combina a creación coreográfica e performativa coa escritura, a práctica de laboratorios e conferencias. Desde un enfoque epistemolóxico e crítico, investiga nas artes do movemento, activando unha somateca: a imaxinación e o arquivo corporal de plantexamentos cinéticos diversos. Desde os seus inicios creou e presentou máis de 30 obras en España, Francia, Portugal, Rusia, Ucraína, México, Uruguai, Guatemala e Colombia. Con formación científica e un interese particular pola filosofía, aborda a danza desde unha perspectiva transdisciplinar. www.javiermartin.gal
De Corpos Presentes é unha plataforma de edición, mediación e produción para as artes performativas contemporáneas, fundada en 2018 desde Galicia por Sabela Mendoza.
Traballamos na intersección entre arte, corpo e pensamento para situar a cultura no centro das vidas. Publicamos libros con corpo e voz propia, lecturas que provocan movementos. O noso catálogo reúne autorxs e obras que, desde a práctica e a investigación artística, achegan visións singulares para o mundo que nos rodea. https://decorpospresentes.gal/