De corpos presentes

Plataforma galega para as artes performativas contemporáneas

De corpos presentes

Plataforma galega para as artes performativas contemporáneas

De corpos presentes

Plataforma galega para as artes performativas contemporáneas

Cargando eventos

MÉRCORES 20 MARZO  | 19:00 a 20:30h

De balde con inscrición previa en: cultura.coruna@udc.gal

Sala Almacén – NORMAL (A Coruña)

 


Este encontro ‘Abrir o círculo’ ten como artista convidada a Ánxela Blanco, creadora e bailarina galega de ampla traxectoria, que dende 2023 é ademais responsable de dinamización sociocomunitaria de La Fontana, centro do Programa Protección Internacional (PPI) do Hospital San Juan de Dios de León que acolle a persoas refuxiadas e solicitantes de asilo. Dende este lugar de acollida, convivencia e aprendizaxe, Ánxela Blanco vén impulsando iniciativas que fan do centro, tamén, un refuxio artístico.

Con Ánxela Blanco abriremos un diálogo sobre a acción artística en entornos sociocomunitarios, sobre a idea de refuxio que supón  a actividade creativa, sobre como a convivencia coas outras inspira procesos artísticos e de transformación… pero tamén axuda a falar e abordar conflictos, a pensar situacións difíciles dende novos lugares, imaxinar camiños diversos. Ademais, Ánxela Blanco compartirá as derivas do novo traballo que actualmente está a desenvolver xunto con Bea Rubio, baixo o suxerente título “Reikiavik”. Buscamos achegarnos ás múltiples facetas da práctica artística (fondamente ligada á vida) que desenvolve Ánxela Blanco, desde un espazo para a conversa próxima e fluida. “Arte para transformar corpos e comunidades”.

ÁNXELA BLANCO (A Coruña, 1983) é unha creadora, bailarina e artista de circo galega. As súas creacións propias –tanto teatrais como de rúa ou non convencionais- amosan sempre un pouso humanista, un compromiso social e afectivo e un desexo de transformar e convidar ás comunidades a facerse preguntas. En 2011 presentou ‘Fume’, peza coa que obtivo o Premio Injuve de Creación Escénica e o Premio Emprendedora UDC. Chegaron despois outras pezas como ‘Olivia necesita verán’,  ‘Ulises e a nena durmida’, ‘Thesaurus’, ou máis recentemente ‘Voo’, coa que xirou amplamente. Ademais das súas propias creacións, ten traballado amplamente como intérprete para compañías como Elefante Elegante, Pistacatro, CDG, e realizado múltiples colaboracións con outras artistas como Mónica de Nut ou Nuria Sotelo, entre outras.

 


 

Dirixido a persoas interesadas nos procesos artísticos contemporáneos: artistas e traballadoras culturais, estudantes de artes, profesionais doutras disciplinas con intereses vencellados, ou persoas interesadas ou curiosas nas dinámicas de creación.

‘Abrir o círculo’ se propón como unha sorte de clube cultural, un grupo de estudo, un espazo para a celebración de encontros periódicos con artistas das artes perfomativas –ou que traballan o campo da performatividade–, que son convidadas a compartir un tempo dirixido ao intercambio de saberes con outras persoas interesadas ou dedicadas á creación (en calquera dos seus ámbitos) e/ou profesionais doutras disciplinas con intereses vencellados.

 

** Esta actividade está organizada por De Corpos Presentes @decorpospresentes e conta co apoio da Deputación da Coruña @DACCultura a través das axudas a proxectos singulares de especial interese cultural. Co apoio de NORMAL Espazo de Intervención Cultural da UDC @istoenormal.

 

 

Comparte isto nas túas redes sociais!

Go to Top