A MEMORIA É HOXE
Conversa e lectura colectiva con Manu Lago, creador do Arquivo online da danza contemporánea de Galicia
Manu Lago, xestor cultural que traballa para compañías e festivais baixo a marca “Galicia Danza Contemporánea”, é creador entre outros proxectos do “Arquivo online da danza contemporánea de Galicia”, unha web que foi aberta públicamente en abril de 2018. O proxecto procura recoller a memoria recente da danza contemporánea no noso territorio, documentando institucións, creadores, obras, cifras de produción e de espazos de circulación… Centos de rexistros que foron recollidos dende unha iniciativa independente, deixando en evidencia a falta de atención institucional para con a memoria e o presente das artes máis efémeras.
A lectura e debate públicos arredor dun arquivo como este constitúen unha chamada de atención sobre como a propia comunidade artística, por desexo e/ou por necesidade, estase a facer cargo de garantizar á sociedade o acceso a este tipo de cultura, pero tamén sobre como isto se converte nun modo de manter a independencia dos relatos.
A través do convite a varias persoas, profesionais das artes performativas en Galicia, faremos unha lectura colectiva do Arquivo, relacionando a memoria alí recollida cas memoriais propias de cada persoa convidada, e abrindo tamén o debate a todas as asistentes. Como e cando construimos a memoria da danza? Que podemos facer dende o presente para que non se perda a nosa pegada? Procuramos reflexionar xuntas sobre a importancia de (re)coñecernos, de conservar a nosa memoria creativa, de manter a independencia dos relatos, e de aprender a partir da súa lectura.