☉Xoves 29 febreiro 2024, 20:00h – Performance + Encontro
☉ACÉFALA (Av. Hércules, 73, 15002) – A Coruña
☉Doazón: 6€. Aforo limitado. Reserva de entradas en reservas@acefala.org
Sinte é unha performance coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Sinte é unha viaxe desde a miña fraxilidade para desarmar as corazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todas somos seres sensibles vibrando en frecuencias diversas. A miña paixón é relatar o meu conflito co mundo desde o mínimo, o máis singular e persoal, intentando inducir estados de ánimo colectivos a través da música electrónica.
—
Cristina Balboa (Cambados). Creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde na súa proposta artística se mesturan palabras, acción, danza, audiovisuais e música. Investiga a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte cruzando a súa obra con elementos narrativos que oscilan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou mesmo a desesperación. A base da súa escrita é o autorretrato e a autoficción como formas comunicativas que buscan xerar un sentimento de identificación co espectador para reflexionar sobre a vida dende a vida cotiá, situando o seu corpo e a súa experiencia como centro da dúbida sobre o que somos. As súas últimas creacións da súa Compañía. Funboa Escénica son Technocracia (2020), O que segue (2019) e Masa madre + Sal marina (2018). No 2023 realizou unha Residencia Dramática no CDN para a creación do texto do seu novo proxecto Roland mon amour.
** Esta actividade de De Corpos Presentes conta co apoio da Deputación da Coruña a través das axudas a proxectos singulares de especial interese cultural 2023