BRUMARIO_ concerto performativo
VERTIXE SONORA ENSEMBLE, son | JAVIER MARTÍN, corpo
_música contemporánea _improvisación a nivel de movemento
Proxecto de investigación e creación en código aberto, versado nos rigores da improvisación a nivel de son e movemento. Cunha marcada identidade artística que aposta pola produción local de coñecemento, este encontro entre Vertixe Sonora Ensemble e o coreógrafo Javier Martín busca desenrolar un concerto performativo baseado no concepto de vibración como lugar que atravesa e conforma ambas disciplinas. Mantendo unha metodoloxía de traballo en contacto co público, búscase que a creación xorda nun contexto participado pola crítica á vez que se crea un contexto subxectivo para o seu cuidado.
metodoloxía dos encontros__
Denomínase vibración á propagación de ondas elásticas producindo deformacións e tensións sobre un medio continuo (ou posición de equilibrio). Tales continuos os fixamos aquí no son e no corpo. O movemento configura o ser desta obra, a deformación da forma no informe.
“Medir un fantasma”: O estado do movemento non é simplemente descoñecido, senón realmente indefinido antes de que se execute. O acto da coreografía en si obriga ao movemento a caer nun estado vibratorio definido e diferente cada vez, constituíndose un evento singular (“Tan só unha bóveda separa as formas do caos”, Pascal Quignard). E se o clásico fose unha capacidade de manifestación simultánea, en distintas presenzas e, obvio, en distintos tempos? Un pasar da representación gráfica á representación sísmica.
VERTIXE SONORA.
Colectivo flexible que integra solistas de importante traxectoria no ámbito da música contemporánea en Galicia, Vertixe Sonora Ensemble favorece un espazo aberto á reflexión, discusión e intercambio na música contemporánea. Xurde co afán de manter unha estructura estable de encomendas, favorecer a creación de produccións musicais de actualidade e dinamizar o espectro sonoro contemporáneo desde o vértice peninsular dun xeito que resulte significativo nunha perspectiva internacional. A partires dunha conciencia da multiplicidade no achegamento ó sonoro establece un constante diálogo e interacción co pensamento, a ciencia, a tecnoloxía e outras formas artísticas da contemporaneidade desde unha óptica cosmopolita, integradora e transcultural que non renuncia nin ó rigor, nin á transgresión nin ó espíritu de vangarda.
http://vertixesonora.net/
JAVIER MARTÍN.
Coreógrafo, performer e investigador (A Coruña). Desenvolve un proxecto de investigación de corte epistemolóxico arredor das artes do movemento que atopa as súas fugas na creación de discurso e distintas aplicacións do mesmo, como son: a escrita, conferencias-performativas, procesos de obra acompañados de talleres, a activación de grupos de investigación e laboratorios, o acompañamento de itinerarios formativos en distintas universidades ou o desenvolvemento de seminarios. E, como motor e causa de todo, a creación de espectáculos. De formación académica en ciencias (estudiou Química, especializándose no itinerario de Mecánica Cuántica), dende 2005 ten estreado máis de 30 pezas en España, Francia, Rusia, Portugal, México, Ucraína, Guatemala e Uruguay.
www.javiermartin.gal
Colaboran: